Play game
Qlicker's itch.io pageDescrición do xogo
Este xogo é un “clicker” con temática e mecánicas de inspiración cuántica. O xogador poñerase nos pés dun alumno predoutoral do físico suízo Felix Bloch, quen lle encagará a laboriosa tarefa de “clickar” unha e outra vez sobre a súa compañeira: unha misteriosa esfera...
Indicacións adicionais:
·Preme o rato sobre a esfera para gañar puntos (qubits).
·Coloca o punteiro con forma de ollo sobre os números aleatorios para revelar o seu verdadeiro valor.
·Se tes os qubits (puntos) necesarios, preme sobre unha mellora para mercala.
·Se a esfera se atranca, mantén premido o rato sobre ela para curala.
O xogo programouse en Godot, a música fíxose en Ableton Live 10 e as cinemáticas en Microsoft Clipchamp. Todos os materiais empregados son de elaboración propia salvo os seguintes:
IMAXES:
·Imaxe de Félix Bloch: https://sw.wikipedia.org/wiki/Felix_Bloch#/media/Faili:Bloch.jpg
·Imaxe Hilbert: https://gl.wikipedia.org/wiki/David_Hilbert#/media/Ficheiro:Hilbert.jpg
MÚSICA E EFECTOS DE SON:
·VSTs: Spitfire Audio Labs (https://labs.spitfireaudio.com/), Spitfire Audio BBC Symphony Orchestra Discover (https://www.spitfireaudio.com/en-eu/products/bbc-symphony-orchestra-discover) e Vital (https://vital.audio/)
· Sample Packs: Cymatics.fm (https://cymatics.fm/) e Andrew Huang (https://andrewhuang.com/store). Amen Break (por Gregory Coleman). Clair de Lune composto por Debussy.
·Grabación propia dun extracto do capítulo 1 do libro Quantum Computing and Communications (CC BY 3.0) por Yongli Zhao, Yazi Wang e Xiaosong Yu.
Como se relaciona o xogo coa computación cuántica?
·TRAMA: A nivel narrativo inspirámonos nalgúns conceptos matemáticos da computación cuántica. Aínda que a esfera de Bloch rigorosamente non é un subespazo de C^2 (se non que é o espazo proxectivo de dimensión un CP^1), si que está conformada por clases de equivalencia de vectores do espazo de Hilbert complexo de dimensión 2. Partindo desta idea, decidimos crear un xogo no que a personaxe protagonista, unha “esfera de Bloch”, vivise atrapada no sótano dun tal Hilbert. Deseñamos a personaxe principal coma unha esfera coa cara do físico suízo Felix Bloch e o “espazo” ou sótano de Hilbert, no canto dun espazo vectorial, representámolo mediante un cubo coa cara de David Hilbert, como se amosa na cinemática final.
·FACER CLICK: O espazo de estados posibles dun qubit pódese representar mediante unha esfera de Bloch, na que cada punto (ou o seu vector asociado) se corresponde cun destes estados posibles. A partir deste concepto tomamos a mecánica característica dos xogos do xénero “clicker”, que consiste en premer repetidamente co rato para así gañar puntos, e reinterpretámola no contexto da esfera de Bloch. No imaxinario do xogo, cada vez que prememos sobre a esfera “producimos” un qubit. Aínda que isto non ten sentido no plano da física cuántica, a nosa visión partía de pensar que con cada “click” se xeraba un vector aleatorio no interior da esfera, o que outorga un punto ao xogador. Esta idea do vector non se manifesta de xeito visual no xogo, mais serviu de base conceptual e deu pé á creación doutras mecánicas coma o “atrancamento”. Denotamos a estes puntos co nome de “qubits” por este motivo.
·ATRANCAMENTO: Ó ser a esfera de bloch un ser vivo nesta ficción, ocorréusenos a posibilidade de que un destes vectores (que no noso imaxinario se xeran aleatoriamente con cada “click”) puidese aparecer nunha dirección na que lle causase dano á nosa protagonista, motivo polo cal a esfera comeza a sangrar pola boca. Para “desatrancarlle” o vector que lle quedou entalado, o xogador deberá manter premido o rato, producindo así símbolos de portas lóxicas que son esparexidos sobre a esfera. Algunhas das portas que aparecene na animación son clásicas, mais as realmente importantes son as cuánticas: entre elas unha matriz de Pauli-Z, unha de Hadamard, unha porta CNOT... A idea é que o aplicar estas portas sobre o vector que quedou entalado dentro da esfera, estas fano rotar, ata colocalo nunha posición na que xa non lle fai dano á esfera e esta pode recuperarse e seguir xerando vectores/producindo qubits.
·ENTRELAZAMENTO: Ó longo do xogo hai unha barra que progresa segundo se conseguen puntos, e cando remata de cargarse, aparece unha nova esfera de Bloch en pantalla. A barra representa o proceso de entrelazamento cuántico e por iso ten sobre ela o símbolo dunha porta de Hadamard (en referencia á combinación Hadamard+CNOT que permite entrelazar dous qubits). O que se quere expresar é que como a esfera principal e as novas están entrelazadas, ao observar a principal, o valor das outras esferas queda determinado, o cal se traduce en puntos por cada unha delas.
·PRINCIPIO DE INCERTEZA: Este concepto, aínda que de xeito máis tanxencial, tamén nos serviu de inspiración. Tentamos trasladar a idea do principio de incertidume de Heisenberg ó noso xogo. Neste caso decidimos que o número de “qubits” (puntos), tanto o que ten o xogador coma o precio das melloras, non sexa visible ata que o xogador o “observe” poñendo o rato sobre dito número. Deste xeito non é posible premer na esfera para producir qubits e coñecer o número de qubits que o xogador ten no seu poder de xeito simultáneo.
·MELLORAS: No xénero dos clickers é habitual que haxa melloras para obter puntos máis rápido ao clickar ou mesmo conseguilos de forma pasiva. No noso caso, optamos por que as melloras estivesen relacionadas con conceptos ou elementos representativos da cuántica. A continuación, imos contextualizar algunha delas:
-QPU: as unidades de procesamento cuánticas teñen a capacidade de almacenar qubits nun estado de superposición de 0 e 1, de maneira que para trasladar isto a unha mecánica do xogo decidimos que cando se adquirise esta mellora na tenda comezasen a facerse puntos sen necesidade de clicar.
-Cero graos Kelvin: este grupo de melloras ten que ver con que, a temperaturas que se alonxen do cero absoluto, os supercondutores que se empregan en moitas computadoras cuánticas non funcionan igual de ben. E aínda máis, as temperaturas próximas ós cero Kelvin permiten manter durante máis tempo a coherencia dos sistemas cuánticos.
-Supercomputador cuántico: na liña do que se comentou para as QPUs, cantos máis supercomputadores cuánticos maior cantidade de puntos.
·MÚSICA: Tanto a percusión coma a instrumentación dalgunha das pezas (principalmente “qlicker1” e “qlicker6”, respectivamente) foi xerada de xeito aleatorio, inspirándose na natureza aleatoria do mundo cuántico (superposición dos estados dun qubit fronte ó determinismo do bits clásicos).
Leave a comment
Log in with itch.io to leave a comment.





Comments
cine
Estos son os efectos de estudar cuántica? 😨
Poesía cuántica.
Deliciosa fumada, cun final que pecha moitas portas (hehe). Pero non está feito ao chou nin é un collage ás cegas. Está completamente inzado de detallazos sobre a computación cuántica. Cada imaxe, texto, música ou son, efectos ou “partículas” teñen un peso propio sobre a temática da Jam, a súa coherencia e o seu traballo de implementación.
Non a todo o mundo lle gustará esta estética de revista Pulp interactiva, ou de Geocities dos 90… Pero abofé que é un proxecto do máis interesante. A min deixoume flipado, hehe. Noraboa!