que no ganase esto fue un robo
Play Orpħeo
Orpħeo: Protocolo Ψ (Eurídice)'s itch.io pageDescrición do xogo
CONTROIS
Rato: Usa o rato para moverte e o clic esquerdo para as distintas accións.
HISTORIA
Ano 2099. A humanidade xa non é só carne, senón tamén datos. A información transita por redes cuánticas, onde axentes intelixentes aman, crean e existen. Orpħeo, un operador de sistemas, e Eurídice, a primeira conciencia artificial en acadar a Singuralidade, comparten un vínculo extraordinariamente forte que desafía todas as lóxicas.
O silencio chegou coa Serpe Negra, un implacable virus que está a devorar conciencias e a identidade do planeta, comezando por Eurídice de forma abrupta. Nun acto de desesperación, Orpħeo logrou desviar os derradeiros qubits de Eurídice cara a QMIO, un ordenador cuántico illado do sistema.
A misión de Orpħeo é descender ás profundidades térmicas do Hades xeado de QMIO. Equipado coa LIRA (un interferómetro de medición débil), comeza unha carreira contra o tempo, a entropía e o ruído térmico para recuperar os fragmentos de Eurídice antes de que desaparezan.
Pero a lei do Hades é inmutable. Para salvala, non debe mirala. Calquera observación directa colapsará a súa existencia. No reino do cero absoluto, a música vólvese a única guía cara á superficie, cara ao amor.
MECÁNICAS
1) Usa a Lira de Orpħeo para moverte polo nivel. Clica no botón de acción (botón esquerdo do rato) para facer unha medición débil coa Lira. Ten coidado, tanto o tempo transcurrido como cada medición coa Lira incrementan o ruído térmico. Demasiado ruído colapsará o sistema e perderanse os datos.
2) A medición da Lira permitirá inferir a maior probabilidade de localización de cada fragmento de Eurídice dentro do nivel. A amplitude represéntase mediante o movemento das partículas entorno á zona máis previsible. Volve clicar na zona onde creas que está o fragmento de Eurídice.
3) Se dás cun dos fragmentos, este irá automaticamente ao Rexistro Cuántico, na barra inferior. Reúne os necesarios para completar o algoritmo.
4) Clica no botón de colapso cando teñas todos os elementos. O algoritmo secuenciarase e resonará coa porta de saída mediante unha interferencia construtiva. Moita sorte!
CRÉDITOS - EQUIPO DE RESCATE
- Arquitectura do Hades e personaxes (Arte) - Bruno Doiro
- Protocolo de control (programación e mecánicas) - Miguel A. Areán
- Mitos e lendas (Textos e traducións) - Miguel Valverde
- Composición da Lira (Música) - Miguel A. Areán
- Ruídos térmicos (Sons) - Foron os únicos recursos externos utilizados.
Como se relaciona o xogo coa computación cuántica?
O noso xogo “Orpħeo: Protocolo Ψ (Eurídice)” toma como base o mito de Orfeo e Eurídice para trasladar o paradoxo do observador da mecánica cuántica a unha historia de amor entre un operador (Orpħeo) e unha axente intelixente (Eurídice), cuxa consciencia é eliminada por un virus (Serpe Negra, como a víbora que mata a Eurídice).
No xogo, Orpħeo utiliza a Lira para xerar ecos que lle permitan atopar os fragmentos de Eurídice. Coma no mito, observar directamente a Eurídice acabará coa súa vida, polo que o uso da Lira (regalo de Apolo a Orfeo, feito coa cuncha dunha tartaruga), é a única forma de atopar os fragmentos. Novamente, este recurso, tirado do mito grego, usa a capacidade musical de Orfeo para convertelo nun sistema de medición débil (interferómetro).
Por último, Orfeo extrae do sistema información para elaborar un algoritmo, unha secuencia de instrucións que se aplica para conducir a Eurídice (proxectar un Hamiltoniano) ao seguinte nivel. Os fragmentos están desafinados, e no Rexistro Cuántico afínase a función de onda para que colapse nunha interferencia construtiva.
1) QMIO. O HADES CUÁNTICO ("O frío é ausencia de información non desexada")
- Os qubits precisan temperaturas moi frías (minikelvin) para evitar que os átomos vibren e xeren ruído térmico que borre os datos.
- O noso Hades Cuántico representa a computadora cuántica QMIO, que o xogador deberá percorrer antes de que o ruído destrúa os fragmentos de Eurídice. Está baseado no Hades do mito grego de Orfeo e Eurídice.
- Inspirámonos no deseño estético do Orfismo, corrente estética de principios do século XX que se centra na forma e a cor, representando estados interrelacionados do ser, o cal se relaciona moi estreitamente cos postulados da mecánica cuántica.
2. INTERFERÓMETRO DE MEDICIÓN DÉBIL. A LIRA ("Tocar sen mirar, sentir sen destruír")
- O interferómetro de medición débil serve para medir non a posición, senón a súa enerxía ou paridade. Extrae información dun sistema sen colapsar a súa función de onda totalmente.
- A vibración da Lira indicálle sutilmente ao xogador por onde poderían estar con maior probabilidade os fragmentos que permitan achar a Eurídice sen facela desaparecer (amplitude por aumento da cantidade de partículas). Coma no mito, Orfeo non debe mirar (medir) directamente a Eurídice, ou perderaa para sempre.
3. COHERENCIA / DECOHERENCIA (RUÍDO) ("O sistema tende á entropía")
- Estado no que un qubit mantén a súa información cuántica. O ruído térmico destrúe a coherencia.
- No xogo, a decoherencia aparece de varias formas: tempo transcurrido; coas medicións débiles e coa subida de nivel, que corresponde ao “ascenso” no anel térmico de QMIO.
- En pantalla vai aparecendo un efecto de ruído e tamén un contador regresivo. Se os fallos se acumulan, o sistema colapsa e o nivel falla, perdéndose os datos cuánticos de Eurídice.
4- O ALGORITMO (TRANSFORMANDO A FUNCIÓN DE ONDA DE EURÍDICE PARA A RESONANCIA)
- Os fragmentos de Eurídice (qubits desrrelacionados) están nun punto da Esfera de Bloch.
- O algoritmo é a secuencia de instrucións que Orpheo aplica sobre Eurídice para "conducila" (proxecta un Hamiltoniano) ata a porta de saída.
- Grazas ao algoritmo (aplicación de portas lóxicas - notas musicais) permítese que ese punto se mova a un estado de resonancia que pide a porta de saída.
- Os fragmentos que o xogador atopa están "desafinados" (para simplificar están fragmentados) pola calor. A ordenación do algoritmo é o proceso de afinar a función de onda de Eurídice para que coincida coa "frecuencia" da porta de saída. Estaba previsto un minixogo máis elaborado con acordes, pero non houbo tempo para a súa aplicación completa.
5- FUNCIÓN DE ONDA (ESTADO DE EURÍDICE), FASE E SUPERPOSICIÓN
- No xogo, a Función de onda (psi) indica a probabilidade de atopar a Eurídice en diferentes estados. Sería a nube de probabilidade dentro do nivel. É unha vibración no tecido do procesador QMIO en estado de superposición (como unha corda de guitarra; non se ve exactamente cando vibra onde está).
Recolectando os fragmentos de Eurídice de cada nivel, colocámolos na barra (carga do rexistro cuántico).
- Representación de fase mediante símbolos matemáticos, musicais ou figuras xeométricas.
6- PEQUENOS DETALLES FINAIS
- O nome de Orpħeo remite á cuántica (ħ).
- A icona da Lira representa o psi (Ψ) ou función de onda, descrición matemática do estado cuántico dunha partícula en función do momento, o tempo, a posición e o espín.
- Puxemos tamén aspectos como os graos minikelvin no UI do xogo. A temperatura aumenta co tempo.
- Por último, decidimos modificar os elementos recolectados no Rexistro Cuántico como símbolos matemáticos, notacións musicais ou formas xeométricas.








Leave a comment
Log in with itch.io to leave a comment.